Patrimonio histórico e
arqueolóxico
As características do terreo que presenta o concello de
Fornelos de Montes, xunto coas características climáticas,
eríxense como un dos principais condicionantes para
xustificar a escaseza de patrimonio histórico dentro deste
territorio. Todos os tipos de bens que conforman a cultura
material dun lugar é froito das accións humanas sobre o
medio, constituíndo ao mesmo tempo o seu principal sinal de
identidade.

Podemos atopar dende mámoas, petróglifos e un sarcófago
antropoide enclavado nunha rocha no lugar de Vilán, onde
tamén se conservan os restos do castelo-fortaleza de
Alemparte, ata xacementos castrexos como o do Monte da
Cidade en Calvos, o de Castrove en Laxe ou o do Monte
Castelo en Calvos.
Os petróglifos de Cerdeiras,
ao Norte da parroquia de Ventín, representan diversos
gravados rupestres da Idade de Bronce. A mámoa de
Borraxeiros, que se sitúa no límite das parroquias de laxe e
San Bernabé da Graña do concello de O Covelo, é un túmulo
megalítico de período Neolítico.
Os restos da fortaleza de
Alemparte teñen detrás un importante contido histórico. Xa
no século XV a torre da fortaleza foi asolada polos
irmandiños (1467) durante a segunda revolta. Esta mesma
torre, quince anos máis tarde, foi cercada polo bispo de Tui
e os seus cabaleiros sen que finalmente puidese ser tomada.
O único que conseguiu apoderarse dela foi D. Pedro de
Soutomaior. No 1893 os restos que quedaban da fortaleza
foron desfeitos definitivamente.
Destaca a conservación que
presenta a chamada “Cidadela” do Monte da Cidade. Nela
podemos atopar erguidos os restos das pequenas edificacións,
feitas en granito. A maioría delas conservan erguida parte
da súa estrutura externa, consistente nunha parede de pedra
de granito, podendo adiviñarse algúns elementos como as
portas de entrada ou detalles do interior das vivendas. As
edificacións atópanse, en liñas xerais, agrupadas nun único
núcleo agás no comezo da Cidadela onde as primeiras casas
aparecen diseminadas respecto ás do resto. Bordeando a
Cidadela atopamos un camiño cuberto con pedras de formas
irregulares e que unha vez deixadas atrás as vivendas nos
conduce cara un acueduto do último terzo do século XVIII e
que se atopa en perfecto estado de conservación a pesares de
atoparse colonizado polos restos da vexetación autóctona. A
edificación está realizada en pedra e na súa parte central
presenta un arco de tipo oxival, a través do que cruza o
sendeiro, que ben puido servir antigamente como entrada á
cidade.
Patrimonio arquitectónico
Cando nos referimos ao patrimonio debemos facer unha
distinción segundo o tipo e ben que nos atopamos. Así dentro
dun concello podemos atopar bens de patrimonio relixioso (capelas,
igrexas, mosteiros, catedrais e santuarios), de patrimonio
civil (casas grandes, pazos, faros, murallas, castelos,
torres, pontes...), e de patrimonio popular (cruceiros,
dolmens, pallozas, petos, xacementos, fontes, etc.).

Muiño da Praia
No que se refire ao concello
e Fornelos de Montes, as características físicas do concello
foron un factor determinante na creación de patrimonio
arquitectónico de tipo popular. A abundancia de cursos de
auga favoreceu a creación de muíños de auga por todo o
territorio. Destaca sobre todas a parroquia de Fornelos de
Montes, onde se localizan ata nove destas edificacións,
seguida da de Traspielas con seis. As parroquias de Laxe e
Ventín son as que presentan un menor número de muíños con
dous e un respectivamente. Así mesmo, co fin de salvar o
paso dos ríos existentes, destaca tamén a presenza de pontes
de pedra, de entre as que destacan a ponte de Laxe e a de
Berducido, aínda que podemos atopar outras como a Ponte
Grande, a de Portorrío ou a do Barbado. Sen embargo, o
abandonos das mesmas e o paso do tempo fai que o seu estado
de conservación non sexa o desexado. Outro dato que indica a
importancia dos cursos fluviais na presenza de patrimonio
arquitectónico é a existencia de máis de 30 fontes de auga e
15 lavadoiros repartidos por todo o concello.
No referido ás edificacións,
destaca a existencia na parroquia de Fornelos de Montes de
dúas casas grandes como son a de Marrán, en Vilán, e a dos
Alemparte. O estado da primeira é aceptable, presentando
unha planta con forma de L, destacando a balconada corrida
no interior e unha notable cheminea. Pola contra, a casa dos
Alemparte, que data do século XV, presenta un estado
bastante malo de conservación, destacando no seu conxunto a
gran balconada sobre pilastras rústicas orientada cara a
solaina, que é o que se atopa mellor conservado de toda a
edificación, así como a robusta escaleira e un arco nunha
porta con forma semicircular e que contén un escudo de
armas.

Pero se algún tipo de
patrimonio ten presenza e importancia dentro do termo
municipal é o relixioso. En todo Fornelos atopamos sete
igrexas, unha en cada parroquia, así como tres capelas, a de
San Caetano en Estacas, a de San Amaro en Traspielas e a de
Santa Cruz en Fornelos de Montes. Todas estes edificios
relixiosos están en uso e presentan un bo estado de
conservación á par que presentan unhas características
singulares. De entre todos eles destaca a igrexa parroquial
de San Lourenzo de Fornelos que data do século XVI.
En conxunto, a parroquia de
Fornelos de Montes é na que se acumula un maior número de
patrimonio arquitectónico, froito do seu maior poboamento ao
longo do tempo e que levou a unha maior construción de
edificacións. Destaca a presenza de muíños de auga ao longo
dos ríos Oitaven e Parada así como dúas casas grandes.
Séguena en importancia as parroquias de Traspielas, na que
se poden atopar ademais dos muíños, a igrexa parroquial e
dúas capelas, e a de Laxe, na que se atopan de forma
concentrada toda unha variedade de construcións de entre as
que destacan as pontes de Laxe e do Couso, ademais da igrexa
parroquial.
Segundo o tipo de patrimonio,
destaca a masiva presenza de inmóbeis vinculados á presenza
de cursos fluviais, como son os muíños de auga, as fontes e
os lavadoiros. Ségueno os edificios relixiosos, mentres que
o resto do patrimonio civil, como son as casas grandes ou as
pontes de pedra, teñen unha presenza mínima.
Patrimonio etnográfico
O patrimonio etnográfico comprende un conxunto de elementos,
materiais e inmateriais, produto da actividade humana
desenvolvida ao longo do tempo dentro do concello de
Fornelos de Montes.
A paisaxe do concello é
semellante a de calquera espazo típico do rural de Galicia.
A influencia relixiosa neste concello tamén deixou outros
elementos patrimoniais como son as numerosas cruces de pedra
e os petos de ánimas, que son frecuentes atopar na metade
Leste do concello. As cruces de pedra, que se localizan nos
cruces de camiños ou en lugares onde se produciu unha morte
accidentada de algunha persoa. De entre todas, a máis
destacada é o cruceiro de San Xosé de Laxe.

Os petos de ánimas tamén se
soen atopar en camiños e encrucilladas, e son unha das
manifestacións materiais do culto aos mortos, da devoción
polas ánimas. En Fornelos podemos atopar un total de 5 petos
de ánimas, dous en Ventín e un en Fornelos, Estacas e Laxe.
Na parroquia de Calvos
atópase un forno panadeiro tradicional, que co paso do tempo
e a conseguinte modernización da sociedade foi quedando en
desuso. Asemade, tamén se pode atopar no concello outra
serie de edificacións que completan o tipo de patrimonio
existente como son pombais, alpendres, hórreos ou adegas.
Outro tipo de patrimonio
etnográfico que se recolle neste territorio son construcións
vinculadas ao uso do monte. De entre elas destacas os
chouzos e parideiras que se atopan no NL. do concello, ao pe
da serra do Suido, así como os foxos de lobos. O chouzo é
unha construción menor feita en pedra que daba cobizo aos
pastores da serra ao longo do ano. As parideiras eran
construcións en pedra facendo en forma de cercado e que
servían para gardar o gando. Soen estar vinculadas aos
chouzos. Os foxos de lobos son recintos moi elementais e
primitivos destinados á cazo do lobo. Todas elas se atopan
localizadas na parroquia de Laxe, nas súas partes máis
elevadas que coinciden coas estribacións da serra do Suido.
Entre os aspectos
etnográficos non materiais débense destacar as festas e
romarías que se celebran nas distintas parroquias, así como
as peculiaridades culinarias. Non se realiza ningunha feira
dentro do concello, tendo que acudir os veciños ás que se
celebran en Ponte Caldelas, os días 5 e 20 de cada mes, e en
Moscoso (Pazos de Borbén) os días 13 e 18 de cada mes.
ARRIBA
SEGUINTE
 |