Situación do concello
O concello de Fornelos de Montes localízase no suroeste da
comunidade Autónoma de Galicia entre as coordenadas
xeográficas 42º 22´ 25´´ Norte, 42º 17´ 07´´ Sur, 8º 19´
00´´ Leste e 8º 31´ 20´´ Oeste.
Administrativamente pertence á provincia de Pontevedra,
situándose no centro-Leste da mesma. Pertence ao Partido
Xudicial de Redondela e á Diocese de Tui.
Limita ao Norte cos concellos de Ponte Caldelas e A Lama, ao
Sur cos de O Covelo e Mondariz, ao Leste con Leiro e ao
Oeste cos de Pazos de Borbén e Soutomaior.
A súa superficie é de 83,1 km2 ao longo da que se distribúen
un total de 26 entidades menores de poboamento dentro de
sete parroquias.
É o concello situado máis ao interior da Área Metropolitana
viguesa, presentando altitudes que oscilan entre un mínimo
de 90 metros no Oeste, na parroquia de Calvos ao pe do curso
do río Oitavén, e os 1.059 metros que se acadan no Leste no
couto Minuto, na parroquia de Laxe.

Estrutura parroquial
A superficie do concello de Fornelos de Montes estrutúrase
en torno a sete parroquias que albergan un total de
vintecatro entidades menores de poboación. Segundo a
extensión que presentan, a parroquia máis grande é a de San
Xosé de Laxe, na que recollen un total de catro núcleos de
poboación. Séguena, segundo o tamaño, San Miguel de Ventín
con dúas entidades de poboación, Santa Mariña de Traspielas
con catro, San Lourenzo de Fornelos con seis, San Adrián de
Calvos con tres, San Vicente de Oitaven con dúas e Santa
María de Estacas con tres entidade de poboación.

Segundo o número de
habitantes, sobresaen as parroquias situadas ao Oeste do
concello como as máis poboadas, namentres que as menos se
sitúan cara o Leste. Así, Fornelos de Montes, Calvos e
Traspielas son, por este orden, as parroquias máis poboadas,
mentres que Laxe, Estacas e Ventín son as que posúen un
menor número de habitantes.
Entidades de poboación
Das vinteseis entidades menores que se recollen dentro do
termo municipal de Fornelos de Montes, no lugar de A Igrexa
é onde reside a capitalidade municipal, sendo este núcleo o
máis importante en canto a numero de habitantes e actividade
económica e comercial se refire.
Os núcleos situados máis cara
o Oeste do concello son nos que residen un maior número de
persoas. Así, despois do de A Igrexa, seguen os de Alén, na
parroquia de Calvos, Fondo da Vila na de Fornelos de Montes,
Ventín de Arriba na de Ventín, Coruxeira na de Calvos e
Freaza na de Traspielas. Pola contra, a medida que imos
penetrando cara o interior do concello, cara o Leste, os
núcleos teñen cada vez menos poboación. Así, de entre o
menos poboados están os de Couso, Casal e Entrerríos na
parroquia de Laxe e Bustelos e Estacas na parroquia de
Estacas. Chama a atención o lugar de Soutosico, na parroquia
de Fornelos de Montes, como un dos núcleos menos poboados
debido á proximidade do encoro de Eiras e que inflúe na
habitabilidade deste lugar.

Solo
A práctica totalidade do concello de Fornelos de Montes
presenta un solo no que dominan os granitoides de dúas
micas, material que presenta unha composición similar a do
granito pero que se caracteriza pola súa fácil exfoliación
en láminas delgadas e flexibles. Soamente existe unha
pequena zona no Norte do concello dedicada a encoros, debido
á presenza do encoro de Eiras neste punto.

O afloramento ao exterior en
forma de batolitos (penedos), constitúe un elemento
característico da paisaxe da zona. A existencia de numerosas
fallas e diaclasas, así como o nivel elevado de
precipitacións, condicionou o modelado do relevo.

No que se refire aos usos do
solo, Fornelos de Montes presenta unha ampla extensión
dedicada a mato e pasteiros sobre rocha e que ocupa máis da
metade da superficie do concello. Destaca a maior presenza
deste uso nas zonas onde o terreo presenta as súas máximas
elevacións e en zonas de pendentes, tal e como se pode
apreciar por todo o centro e Leste do municipio así como
nunha franxa central que atravesa este espazo de Norte a Sur
e próxima ao Oeste. Ségueno en importancia a superficie
ocupada por masas arbóreas mixtas (eucaliptos, piñeiros e
frondosas), que se reparten ao longo de toda a superficie
municipal pero que presentan a súa maior extensión na parte
central e Oeste do concello nas parroquias de Vertín,
Estacas, Fornelos de Montes e Calvos. Localízanse
principalmente nas partes altas das ladeiras dos vales que
conforman os distintos ríos e regatos que bañan este espazo.
Os usos dedicados a mato e especies madeireiras tamén
presentan especial relevancia, localizándose principalmente
no Sur, nas parroquias de Traspielas e Ventín, así como no
centro da parroquia de Estacas. No Norte a penas se atopa
este tipo de uso agás unha pequena superficie entre as
parroquias de Fornelos de Montes e Oitaven. A presenza de
solos dedicados a prados en maioría e cultivos anuais tamén
é destacable. Atópanse repartidos en pequenas superficies ao
longo de todo o concello e no entorno dos núcleos de
poboación, sendo máis frecuente a súa presenza e maior
extensión nas parroquias do Oeste. As características do
clima e do relevo no Leste fai que a presenza desta clase de
uso sexa menos frecuente, reducíndose considerablemente a
súa extensión nas parroquias de Laxe, Estacas e Ventín.
Tamén se pode destacar a superficie que ocupan as especies
autóctonas caducifolias, que unicamente se localizan no
Oeste nunha franxa que atravesa o concello de Norte a Sur e
que transcorre paralela ao río Barragán pola súa vertente
Leste, constituíndo un espazo de importante valor
paisaxístico e ecolóxico. Unha extensión inferior presenta a
superficie dedicada a mato, que soe estar vinculada ou
asociada a outras especies arbóreas. Menor importancia, no
canto a extensión se refire, presentan outra clase de usos
do solo como pode ser o dedicado a eucalipto e piñeiro, que
se localizan nas parroquias de Calvos, Estacas e Ventín; o
dedicado a mato-pasteiro, que se localiza en exclusividade
no Oeste do municipio e coincidindo coas zonas máis chairas
do mesmo, sendo a parroquia de Calvos a que presenta unha
maior extensión, localizándose os outros puntos no Norte da
parroquia de Fornelos de Montes e no Sur da de Traspielas; o
dedicado a prados en maioría, cultivos anuais e viñedos que
unicamente se localiza no Sur da parroquia de Traspielas;
mentres que os prados en maioría, cultivos anuais e
caducifolias presentan unha extensión moi reducida estando
presentes só no Norte da parroquia de Ventín.
Vexetación
A superficie de bosque que presenta o concello de Fornelos
de Montes está preto de acadar as tres hectáreas por
habitante. Destaca a extensión que o monte desarborado
presenta no concello, ocupando preto de dous terzos da súa
superficie. A maior parte deste uso localízase por toda a
metade oriental así como polo centro sur do concello. No
resto da superficie atopamos todo un conxunto de especies
que poden aparecer illadas ou mesturadas con outras Segue en
extensión a superficie dedicada a plantacións de eucaliptos,
aínda que unha distancia moi grande, e que se concentra na
súa maior extensión na metade Leste da parroquia de Fornelos
de Montes.

As masas de bosque mixto, composto por carballos, eucaliptos
e frondosas atópanse dispersas en extensións moi pequenas
por todo o concello, estando presentes, na súa maior parte,
no centro da parroquia de Estacas formando unha liña que
atravesa esta zona de Norte a Sur, no centro da de Ventín e
entre o límite das parroquias de Calvos e Fornelos de
Montes. Os bosques mixtos de piñeiro e eucalipto podémolos
atopar en pequenas extensións espalladas polo Sur do
concello, sobre todo na parroquia de Traspielas e en menor
medida na de Ventín, parroquia na que atopamos a única
superficie dedicada a piñeiros exclusivamente e que apenas
presenta relevancia a nivel municipal.
Os bosques de carballos tamén
teñen unha presenza moi reducida localizándose nos estremos
Leste e Oeste do concello nas vertentes orientadas ao Sur
dos vales que conforman os cursos fluviais. Así, existe unha
pequena extensión dedicada a carballo ao Leste do concello,
no NO. da parroquia de Laxe, entorno ao val que conforma o
río Parada. Tamén podemos atopar unha pequenas extensión de
carballos no centro da parroquia de Estacas no val do río
Couñago. As carballeiras máis extensas pódense atopar no
Oeste do municipio no val que conforma o río Barragán, na
parroquia de Traspielas, así como no Norte de Calvos no val
do río Oitavén. Tamén podemos atopar algunha zona de
especies mixtas de eucaliptos, piñeiros e carballos pero
cunha extensión de escasa importancia, destacando unha
pequena área existente no Oeste da parroquia de Traspielas e
que se atopa asociada ás extensións de carballos.
A vexetación de ribeira
redúcese a pequenas áreas nos vales que conforman os ríos
Parada e Oitaven cunha extensión moi reducida. A superficie
dedicada a uso agrícola tamén se atopa repartida por todo o
termo municipal. Localízanse en zonas de val onde a pendente
do relevo non é moi forte, sendo esta superficie máis
extensa nas parroquias do Oeste (Calvos, Traspielas,
Fornelos de Montes e Oitavén) que nas do Leste, polo que se
aprecia un descenso desta nesta mesma dirección.
Con todo, a nivel xeral podemos observar como o 80% do
territorio é ocupado por superficie forestal, mentres que
preto do 18% está dedicado a cultivos de entre os que
destacan os cultivos herbáceos cun 53% seguidos dos prados
cun 45%, os viñedos e árbores froiteiras ocupan o resto do
terreo de cultivo. O resto do territorio municipal está
ocupado por servizos básicos (estradas, centros deportivos,
culturais, etc.).
Relevo
O concello de Fornelos de Montes localízase nun espazo
situado a medio camiño entre a ría de Vigo e a serra do
Suido, atopándose ao pé desta na súa vertente suroccidental.
Isto da como resultado que as máximas elevacións do concello
se atopen na seu estremo máis oriental, producíndose unha
gradación descendente do relevo cara o Oeste,
caracterizándose neste punto pola presenza de vales fluviais
así como da presa do encoro de Eiras. Así mesmo, na parte
Sur podemos atopar o Coto de Eiras, outeiro no que se acadan
os 900 m. de altitude.
Os valores máis baixos
rexístranse no estremo occidental do concello. Os vales que
conforman os ríos Oitavén e Barragán son os que articulan
esta parte do territorio, atopándose no entorno destes as
cotas altimétricas máis baixas. Así, o río Oitavén rega a
parroquia de Calvos polo Norte, lugar onde se atopan os
puntos máis baixos de todo o concello. Cara a vertente Sur
do val a altitude do terreo vai aumentando ata acadar preto
dos 450 m. Máis cara o Leste e no centro Norte do municipio,
na parroquia de Fornelos de Montes, o río Oitaven atravesa
esta parroquia pola súa parte central, por onde se rexistra
unha altitude entorno aos 250 metros. A altitude do relevo
neste punto vai aumentando cara os seus rebordes conformando
un val amplo, aberto e disimétrico, onde as maiores
altitudes se atopan no Sur do mesmo. O val do río Barragán,
que atravesa as parroquias de Traspielas e Oitaven polo seu
Oeste, presenta neste caso unha dirección S.-N. ata
desembocar no encoro de Eiras, sendo outro dos puntos máis
baixos do concello cunha altitude que oscila entre os 250 e
os 300 metros.

A parte central do concello
presenta unha altitude superior froito desa evolución
ascendente do relevo cara o Leste, e onde se localizan as
parroquias de Estacas e Ventín. Esta zona presenta unha liña
de cumes cunha dirección NL.-SO. onde podemos atopar ao Sur
o coto de Erbededa que acada os 897 m. Cara os rebordes
desta liña de cumes o relevo comeza a descender cara o NO.,
ata chegar aos pes do val do Oitaven e do encoro de Eiras, e
cara o SL. Ata entrar no concello de Mondariz.
A parte Leste é a que presenta os valores máis elevados de
todo o municipio, xa que se atopa aos pes da serra do Suido.
Esta zona, na que se localiza a parroquia de Laxe, vai
aumentando a súa elevación a medida que nos achegamos cara o
seu estremo oriental, onde acada os valores máximos. Así a
altitude chega a superar os 1.000 metros en determinados
puntos, como é o caso dos 1.059 m. do Couto Minuto, os 1.055
do Pena Redonda ou os 1.007 do Outeiro Vello. Tamén destacan
os 911 m. en Pena Aranda, e os 802 m. do Couto do Corno.
Ríos
Se por algo destaca o concello de Fornelos de Montes é pola
amplísima rede hidrográfica que cubre a meirande parte do
seu territorio. A localización do concello preto da serra do
Suído e a súa altitude no sector oriental fai que se
localicen numerosas fontes que conforman a cabeceira dos
diferentes cursos fluviais.
A rede hidrográfica está articulada en torno á cunca do río
Oitavén, principal curso de auga que rega o concello polo
Norte e ao que van verter as súas augas a meirande parte dos
pequenos regos e regatos que atravesan o resto do
territorio. O río entra no concello polo Norte, na parroquia
de Fornelos de Montes, cunha dirección NL.-SO. para logo
tomar unha dirección L.-O. Na maior parte do seu percorrido
por este espazo serve de fronteira natural co concello de
Ponte Caldelas, situado ao Norte. No seu treito localízase o
Encoro de Eiras.

Os principais afluentes do
Oitavén son os ríos Barragán e Parada, ademais de outros
pequenos cursos fluviais de menor importancia e que tamén
verten as súas augas de maneira directa a el como poden ser
o regueiro de Casero cunha dirección S.-NO., o rego de Porto
das Vacas, S.-NO., ou o da Espadaneira cunha dirección
S.-N., todos eles na parroquia de Fornelos de Montes.
O río Barragán ten a súa
cabeceira no Sur da parroquia da Traspielas. Neste punto o
río leva unha dirección L.-O. para logo pegar un cambio
circular de Sur a Norte ata a súa desembocadura no Oitavén,
regando as terras do Sur e Leste do concello afectando
principalmente á parroquia de Traspielas, aínda que tamén
atravesa á de Oitaven polo Leste e á de Calvos polo Oeste.
Ao longo do seu transcorrer por Traspielas, o río exerce de
límite natural cos concellos de Mondariz polo Surleste e
Pazos de Borbén polo Leste. A el van verter as augas outros
cursos fluviais de menor importancia como son os regatos de
Costeiras, de Porta Pielas ou o das Freixas, todos cunha
dirección SL.-NO.-SO. froito das características
orográficas. Polo Norte recibe as augas do rego das Arrouzas,
na parroquia de Ventín, e que presenta unha dirección SO.-NL.
Preto da súa desembocadura ao Norte, nas parroquias de
Oitaven e Ventín, o río vese afectado pola presenza do
encoro de Eiras, aumentando a súa anchura e profundidade
debido o estancamento das augas.
O río Parada ten a súa
cabeceira no Leste do concello, ao pe da serra do Suído, na
parroquia de Laxe. Neste punto recibe a auga, tanto polo
Norte como polo Sur, de numerosos afluentes que teñen as
súas fontes neste mesmo punto do territorio. De entre eles
destacan os ríos Barbado, Val do Home e o regueiro das
Ortigas, que verten as súas augas no Parada dende o Norte,
mentres que polo Sur destacan o Río do Ceíño da Reixa, o
Regueiro das Murallas e a Barranqueira de Fonte Uceira. O
trazado que presenta ao longo do seu percorrido polo Norte
do concello é bastante irregular, froito da característica
do terreo mais, a nivel xeral, presenta unha dirección
Leste-Oeste e que o leva a verter as súas augas ao río
Oitaven na parroquia de Fornelos de Montes. O seu paso polo
Norte da parroquia de Estacas, exerce de límite natural co
concello de A Lama, recibindo as augas do Río Couñago polo
Sur. Ao entrar na parroquia de Fornelos de Montes o río toma
unha dirección SL.-NO. ata desembocar no Oitaven, na metade
Norte da parroquia.
En xeral, o concello amosa
unha gran riqueza hidrolóxica coa existencia de numerosas
fontes que conforman a cabeceira dos ríos regos e regatos, e
que se espallan por todo o territorio. Os ríos máis
importantes localízanse no Norte do municipio, presentando
unha dirección Leste-Oeste, agás o río Barragán que se
localiza no Oeste e presenta unha dirección Sur Norte. No
resto do territorio a rede hidrográfica está composta por
pequenos cursos fluviais e escaso caudal e lonxitude.
Pódese observar, segundo a trama hidrográfica que nos amosa
o mapa, a existencia dunha liña de cumes que exerce de
divisoria de augas e que se localiza no Sur do concello,
cunha dirección SO.NL., a partires da que a maior parte dos
cursos fluviais leva unha dirección Norte e Leste, mentres
que os ríos que presentan unha dirección Sur son moi
escasos, localizándose a totalidade deles nas parroquias de
Ventín e Traspielas.
Destaca a complexidade da
trama que esta rede presenta na parroquia de Laxe, onde a
localización da mesma ao pé da serra do Suído e a altitude
que presenta fai que afloren numerosas fontes de auga que
acaban conformando cursos fluviais de pequeno tamaño que van
desembocando uns noutros ata verter finalmente as súas augas
ao río Parada, polo que presentan a maioría deles unha
dirección Sur-Norte, a excepción dos pequenos cursos
localizados ao NL. municipal e que presenta unha dirección
N.-S. No Leste e no Sur do concello teñen as súas fontes a
meirande parte cursos fluviais. A medida que nos imos
achegando cara o Oeste o número de afluentes vai diminuíndo
presentando unha dirección L.-O. aqueles que van verter as
súas augas ao río Barragán.
Zonas de interese natural
No concello de Fornelos de Montes podemos atopar diferentes
lugares cunha gran importancia natural e que se atopan
protexidos a través de diferentes figuras normativas.
Destaca a extensión que presenta a serra do Suído e que
afecta a case dúas terceiras partes da parroquia de Laxe.
Esta serra presenta un relevo suave aínda que chega a acadar
os 1.000 metros de altitude. Forma así unha primeira
barreira orográfica que fai que se recollan un gran volume
de precipitacións procedentes do Atlántico. Nela podemos
atopar unha serie de construcións robustas e feitas en
granito chamadas chouzos ou chouzas, que servían para gardar
o gando de pastoreo. De entre a fauna predomina a presenza
coellos, perdices, lebres e lobos mentres que entre os de
caza maior destacan os xabarís. Entre as especies vexetais
dominan as do xénero “ulex”, “ericas” e “brezos”,
alternándose con pequenos bosques de frondosas en zonas
húmidas. A dificultade de acceder a esta zona do territorio,
dada a escaseza de vías de comunicación, facilita a
tranquilidade e supervivencia no seu hábitat natural da
flora e fauna.

O Encoro de Eiras está
protexido polas Normas Complementarias e Subsidiarias da
Provincia de Pontevedra. Neste espazo podemos atopar unha
importante colonia de árbores autóctonas como os carballos
(Quercus robur), acebos (Ilex aquifolium), castiñeiros (Castanea
sativa), loureiros (Laurus nobilis), sobreiras (Quercus
suber) e algúns cerquiños (Quercus pyrenaica). Das especies
animais destacan a presenza de falcóns (“Falco peregrinus”),
que está en perigo de extención e que na actualidade se
atopa protexido polo Real Decreto 4/89 e polas convencións
de Berna e Bonn. Tamén destaca a presenza de merlos
ribeiros, andoriñas dos penedos, tartarañas, aguias albelas,
gabiáns, azores, furóns e gatos bravos, todos eles
protexidos.
O Río Tea ten as súas fontes
no concello de Fornelos de Montes entre as parroquias de
Ventín e Estacas. Atópase protexido baixo a figura de Espazo
Natural e Réxime de Protección Xeral. As súas beiras podemos
atopar vexetación autóctona e de ribeira ben conservada. Ao
longo do seu curto percorrido por este concello
desenvólvense bosques aluviais de amieiros (“Alnus
glutinosa”) ou freixos de río (“Fraxinus excelsior”), aos
que se incorporan as carballeiras con “Quercus robur” e
“Quercus pirenaica”. Cara a parte alta do val que conforma a
cabeceira deste río destaca a presenza de especies foráneas
como os piñeiros e os eucaliptos. Entre a fauna máis
destacada podemos atopar o rato de almiscre (“Galemys
pyrenaicus”), a lontra (“Lutra lutra”), o gabilán (“Accipiter
nisus”), o merlo rieiro (“Cinclus cinclus”), o ouriolo (“Oriolus
oriolus”), a andoriña brava (“Riparia riparía”) ou a
libélula (“Gomphus graslini”).
Tamén podemos atopar outros
dous espazos que se atopan protexidos baixos a normativa
urbanística municipal como son a Fraga do Couñago, na aldea
de Estacas e a Carballeira do Couso en Laxe. Ambos espazos
destacan pola importante superficie ocupada polos carballos
(“Quercus robur”), xunto con outras especies de frondosas, e
que lle confiren un importante valor paisaxístico, ecolóxico
e patrimonial.
Infraestruturas de comunicación
A posición periférica e exterior do concello de Fornelos de
Montes, fai que non dispoña de ningunha autoestrada, vía de
alta capacidade ou estrada de rango nacional. Un dos
factores que influíu na formación da rede viaria é a
característica do relevo, así como o asentamento humano.
Así, a rede de estradas caracterízase pola falta de vías
transversais que conecten todo o territorio entre si e cos
municipios veciños. O firme que presentan moitas delas,
sobre todo as locais, esta defectuoso. Os trazados a penas
foron modificados no tempo, caracterizándose por seren
sinuosos, con continuas subidas e baixadas, cun ancho de vía
inadecuado e constantes curvas.

A estrada principal, que
atravesa o concello de Norte a Sur pola parroquia de
Estacas, é unha Autonómica de 2ª orden (C-531) e que conecta
a este con A Lama polo Norte e con Covelo polo Sur. Tamén
dispón dunha rede de estradas de 3ª orden que se concentran
na metade Oeste do territorio destacando a PO-250 e a PO-251
que se unen no lugar de Igrexa e que conectan o municipio co
concello de Ponte Caldelas polo Norte e Pazos de Borbén polo
Sur. Destas estradas saen outras, de terceiro orden tamén,
que percorren o resto do territorio, atravesando unha delas
o concello de Norte a Sur polas parroquias de Oitaven e
Traspielas e conectando co concello de Mondariz, mentres que
o resto se enlaza co resto da rede que ocupa o concello.
Fornelos de Montes, dada a súa condición de concello
montañoso, dispón dunha importante rede de camiños e pistas
que se expanden por todo o termo municipal, sendo estas
especialmente extensas nas parroquias de Ventín e Traspielas.
O proxecto máis importante en materia de estradas que se ten
pensado levar adiante limitase ao paso por este termo
municipal dunha autovía que atravesará de Norte a Sur un
pequeno espazo no extremo Oeste, pola parroquia de Calvos,
así como a mellora da estrada que conecta este concello co
de Pazos de Borbén.
ARRIBA
SEGUINTE
 |