Características climáticas
A localización xeográfica que presenta o concello de
Fornelos de Montes xunto coas súas características
topográficas fan que esteamos diante dun territorio cunhas
características climáticas diferentes segundo o punto no que
nos atopemos.

A zona situada no estremo
Oeste do territorio, concretamente a parroquia de Calvos, o
estremo oeste da de Oitaven e a metade Oeste de Traspielas,
está englobado dentro dun dominio climático oceánico húmido
con tendencia á aridez estival, caracterizado por invernos
chuviosos onde se recollen preto de 500 mm., e verán secos
nos que a precipitación recollida é de preto de 200 mm.,
mentres que a temperatura oscila entre os 8-10ºC de media no
inverno e os pouco máis de 18ºC no verán.
O estremo Leste do concello, sector oriental da parroquia de
Laxe, está enmarcado dentro dun dominio climático de
montaña, caracterizándose por unhas precipitacións abondosas
durante todo o ano, que recollen preto de 700 mm. no inverno
mentres que no verán poden chegar a recollerse ata 400 mm.,
e temperaturas baixas nos meses de inverno (4ºC) e suaves
nos de verán (16-18ºC).
A maior parte do territorio
está enclavado dentro dunha área de transición entre o
dominio climático oceánico húmido con tendencia á aridez
estival e o oceánico de montaña. O primeiro caracterízase
pola temperaturas altas en verán e suaves no inverno con
precipitacións estacionais e torrenciais, concentradas no
outono e inverno, sendo frecuentes as xeadas a medida que
entramos no interior do territorio. Como consecuencia da
escaseza de precipitacións e o aumento das temperaturas se
produce a conseguinte seca estival. Pola contra, o oceánico
de montaña caracterízase por ter unhas temperaturas máis
baixas e as precipitacións frecuentes e abondosas, sobre
todo nas vertentes orientais.
As áreas de transición danse
con frecuencia. As fronteiras non son exactas pero o cambio
dun dominio a outro vaise facendo paulatinamente.
Precipitacións
A localización xeográfica e as características topográficas
do concello de Fornelos de Montes provocan que as
precipitacións sexan frecuentes e abondosas ao longo do ano.
A época de maior pluviosidade concentrase nos meses de
outono e inverno, namentres que o verán é a estación na que
se recolle unha menor cantidade de auga. Os meses de
novembro, decembro e xaneiro son nos que se producen as
maiores precipitacións, namentres que os niveis máis baixos
se acadan nos meses de xuño e sobre todo xullo e agosto.
As precipitacións totais que
se recollen dentro do municipio de Fornelos de Montes
experimentan un aumento das mesmas de Oeste a Leste e a
medida que aumenta a altitude do relevo. En xeral, a auga de
choiva que se recollida no concello durante un ano está en
torno aos 1.600 mm./ano.

Na parroquia de Calvos é na
que se recolle unha menor cantidade de auga de choiva,
arredor dos 1.500 l./m2 ao ano, sendo a súa parte máis
occidental a menos chuviosa do concello con 1.200-1.400 mm
ao ano. Dende este punto e cunha dirección NO.-SL. a
cantidade de auga recollida aumenta ata os 1.400-1.600 mm.
por ano, debido á progresivo elevación do terreo, chegando a
recollerse entre 1.600 e 1.800 mm. no Sur da parroquia, onde
se atopa o punto máis elevado da mesma. Pola contra, a
parroquia de Laxe, situada no extremo oriental do concello,
é a que presenta un maior nivel de precipitación acumulada,
cun total anual que chega a superar os 2.000 mm./ano. As
choivas aumentan de Oeste a Leste neste espazo, ao igual que
no conxunto do concello, á par que vai aumentando a
elevación do terreo. Na metade occidental da parroquia
recóllense entre 1.800 e 2.000 mm. ao ano, agás nunha
pequena área situada no extremo Oeste onde a cantidade
acadada é de entre 1.600 e 1.800 mm. Na metade oriental,
coincidindo coas máximas elevación do concello, é onde se
recollen os maiores niveis de auga de choiva, superando os
2.000 mm. ao ano.
Na metade centro-occidental
do municipio a precipitación total anual varía entre os
1.400–1.600 mm., afectando á totalidade das parroquias de
Fornelos de Montes e Oitaven así como a maior parte da de
Traspielas. Na parte central do concello, entre as
parroquias de Ventín e Estacas, e a medida que vai
aumentando a altitude do terreo, se vai producindo unha
gradación ascendente das precipitacións pasando de 1.400 –
1.600 mm. na zona Norte aos 1.800 – 2.000 mm. na zona Sur.
Temperaturas
A temperatura media obtense ao dividir a temperatura media
de cada mes entre o número de meses de ano. No concello de
Fornelos de Montes, ao igual que ocorre coas precipitacións,
vai diminuíndo o seu valor de Oeste a Leste froito da
progresiva elevación do terreo nesta mesma dirección,
pasando dos preto de 15ºC de media que se rexistran no Oeste
aos pouco máis de 10ºC que se chegan a rexistrar no extremo
oriental.

A temperatura media máis
elevada rexístrase nos meses de verán e primavera, nos que
esta oscila entre os 16ºC e os 20ºC, e os 10ºC e os 14ºC
respectivamente. Pola contra, os meses de inverno son nos
que se rexistran as temperaturas máis baixas, variando estas
entre os 4ºC e os 10 ºC. No outono a temperatura media varía
dos 8ºC no sector máis oriental aos pouco máis de 13ºC que
se acadan no Oeste.
Os meses máis calorosos son
os de xullo e agosto, nos que se acada unha temperatura
media de entre 16ºC e 20ºC, namentres que os de meses de
xaneiro e febreiro son os mais fríos cunha temperatura media
e oscila entre os 4ºC e os 8ºC.
A zona onde se rexistran as
temperaturas máis elevadas é nas parroquias situadas no
Oeste e Norte do concello (Calvos e Fornelos de Montes),
onde a temperatura media que se acada é de preto de 15ºC. Na
parte central do concello a temperatura media é de 13-14ºC,
reducíndose ata os 12-13ºC a medida que nos achegamos cara o
Sur da parroquia de Ventín, como consecuencia da continua
elevación do terreo. Esta temperatura prolóngase cara o NL.
do territorio afectando á parte central da parroquia de
Estacas e ao Oeste da de Laxe, rexistrándose aproximadamente
nunha franxa que vai entre os 500 e os 750 m. de altitude. O
sector máis oriental do municipio, na parroquia de Laxe, é o
no que se dan as temperaturas máis baixas sendo a media
anual de 10-11ºC na parte centro oriental da parroquia,
mentres que na parte occidental son de 11-12ºC. No extremo
Leste da parroquia, onde o concello presenta as súas máximas
elevacións, é onde se acada a temperatura máis baixa do
municipio, cunha media anual que varía entre os 10 e os 11ºC,
valores que se acadan unha vez se superan os 950 metros de
altitude.
Amplitude térmica
A amplitude térmica anual ven a indicar a diferenza
existente entre a temperatura media máxima e a temperatura
media mínima acadada ao longo dun ano.
A elevación do terreo eríxese
como o factor primordial á hora de avaliar os contrastes de
temperatura, xa que provoca o aumento da oscilación térmica
a medida que se vai aumentando en altitude.

Tal e como se pode apreciar
no mapa anexo, diferéncianse tres sectores dentro do
municipio de Fornelos de Montes, producíndose un aumento da
oscilación de Oeste a Leste. No primeiro sector estarían os
extremos occidental e setentrional, coincidindo coas
elevacións máis baixas do concello, onde a amplitude térmica
acadada é máis suave oscilando entre os 12,5ºC e os 13,5ºC,
agás nun pequeno sector situado no SO. da parroquia de
Calvos onde se acadan os 13,5-14,5ºC e que coincide, á súa
vez, coas máximas elevacións desta parroquia. Na parte
central do territorio a oscilación aumenta ata acadar unha
media de 13,5-14,5ºC, agás nunha pequena extensión ao Sur
onde se produce un aumento desta ata os 14,5-15,5ºC. O
sector situado máis ao Leste deste territorio así como unha
pequena franxa que se estende cara o Sur ao longo do límite
municipal é o que presenta unha amplitude térmica máis
elevada, podendo acadar os 15,5ºC, polo que as condicións
climáticas neste punto son máis severas que, xunto coa
intensa pluviosidade e as características do relevo,
complican as condición de habitabilidade do mesmo.
ARRIBA
SEGUINTE
 |